O que todo o mundo saberá é que Ramón Piñeiro é o homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2009, pero o que moitos descoñecen é que para el a saudade era un dos fundamentos da identidade galaico-portuguesa. Piñeiro aseguraba, non sen razón, que este sentimento convertérase nun gran misterio diante da curiosidade dos alleos.
Coa teima de achar unha explicación para a saudade reduciuse a outros sentimentos como a nostalxia, a melancolía, etc. Pero con todo sigue conservando ese certo carácter de misterio porque non nos é posíbel comprender e explicar o seu significado de xeito concreto. Isto é, claro está, sen igualala a algunhas das palabras antes mencionadas.
Segundo Piñeiro, a saudade e a morriña non son a mesma cousa aínda que decote se confundan. A morriña é o equivalente galego da melancolía, un sentimento de tristura. Pola súa banda a saudade non fai referencia á tristura, pero pode estar asociado a este sentimento debido a que o seu carácter depresivo favorece a interiorización, achega á intimidade e, polo tanto, ten certo punto de contacto coa saudade. O mesmo ocorre coa súa relación coa lembranza da paisaxe, que tamén se tomou como esencial na explicación da saudade, esquecendo que esta dáse estando mesmo na terra que lonxe dela. Pero a evocación da paisaxe, ó crear conciencia de lonxanía, favorece a sensación de soidade, conduce á intimidade e pode levarnos á experiencia da saudade.
Polo tanto, o noso autor conclue que a saudade é a vivencia espontánea da pura intimidade do ser humano, fonda, escura, e pasiva; e por outra banda, é unha característica típica do mundo galaico-portugués, debido a que na súa configuración espiritual común predomina a dimensión sentimental.
Disto último non estou segura, predomina realmente esta dimensión sentimental? Quizais teña que ver co pasado do pobo galego, coa emigración, co sentimento da terra ou...quizais non.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario